RADICAL / PAPEL

Alauda Negra é un proxecto editorial creado e dirixido por Xosé Lois Gutiérrez Faílde en 2019. Está enfocado no impulso de pequenas creacións visuais baseadas na relación entre texto e fotografía. Foi concebido para difundir e visibilizar toda unha serie de propostas que, pola súa escala ou intención, teñen como soporte ideal a edición en papel a modo de brochura ou fotozine. O obxectivo deste selo editorial é publicar traballos de tirada limitada pero fortemente comprometidos coa coherencia no seu deseño editorial e na súa definición estética.

Alauda Negra atende tamén á imposibilidade de fixar uns límites no proceso de creación de calqueira traballo artístico. Ben sexan como hipóteses, apuntamentos ou maquetas ou como subproductos ou derivacións doutros proxectos maiores, todos os proxectos que se publican en Alauda Negra non atenden á definición de peza pechada, senón que funcionan como chaves subalternas que poden articular ou xenerar outras fórmulas de diferente alcance.

Radical / Papel é a proposta de Alauda Negra para a cuarta edición de FFOCO. Con ela preténdese despregar, coa exposición como medio, as consignas e modos de traballo que lle dan identidade aos proxectos deste selo editorial galego. Ao tratar a parede como unha páxina sen rexistro, as imaxes desta acumúlanse e densifícanse como un palimpsesto que acaba revelando o conxunto de decisións, tentativas ou renuncias que constitúe e afirma a formalización de cada unha das publicacións que ata o momento configuran o catálogo de Alauda Negra e que ten como primeiros autores a Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Rosendo Cid, Iván Nespereira e Misha Bies Golas.

A actividade de Xosé Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976) abrangue distintos ámbitos: a práctica fotográfica, a escrita e o ensino. Realiza traballos fotográficos; escribe en distintas plataformas como autor independiente e tenta introducir na súas aulas procedementos didácticos vinculados coa cultura visual e a historia da fotografía. Vive e traballa en Sarria (Lugo).

Rosendo Cid traballa varios medios como a fotografía, o colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental dos mesmos. Ten prologado diversos catálogos de arte e comisariado exposicións. Das últimas mostras individuais podemos destacar La duda es el único estado posible, na galería Nordés no 2018, e Fe de erratas, na fundación Rac, no 2017. Das colectivas destacar a participación na colectiva do CGAC, En construcción, 2018 ou a participación en Afluentes 94: Os anos circulares, unha selección dos artistas galegos máis destacados dos anos noventa. Dos últimos libros destacar, Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir (2018) na editora Papeles Mínimos, e 5000 veces pintura, compendio de aforismos publicado pola Galería Circular no 2017. En libros colectivos aparece en El cántaro a la fuente. Aforistas españoles para el siglo XXI, editado por Apeadero de Aforistas e Thémata Editorial. Dos premios destacamos o Primeiro premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea no 2018 e o premio na convocatoria de comisariado para a Zona C, de Santiago de Compostela, coa mostra Un cuarto propio, con obras da artista Rosa Neutro no 2017.

Iván Nespereira (Ourense, 1978) traballa como fotógrafo e realizador freelance no ámbito da publicidade dende 2002. Inviste tempo en desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación e onde a fotografía e o vídeo son as principais ferramentas que utiliza. En 2017 autoedita Nueva Galicia, un traballo que explora a pegada da migración e o ‘boom’ do caucho no Amazonas. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, PlayDoc e Bogoshorts. Ten exposto no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre Photobook, Dispara, Fotomuseo Catro Camiños, PHotoEspaña, Athens Photo Festival e La Nautilus. En 2018 recibe o premio PHotoEspaña ao mellar libro autoeditado. Colaborou con cineastas como Pela del Álamo ( N-VI), Vicente Vázquez | Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#1). Actualmente traballa en 30122, proxecto que realiza unha cartografía de Galicia a partir de fotografías.

Misha Bies Golas (Lalín, 1977) é artista plástico, educado no campo da fotografía e o deseño. A súa obra atinxe ámbitos de distintas disciplinas, centrando os seus últimos traballos en torno ao apropiacionismo, libros e obxectos de diversa natureza. É un artista de mínimos, que emprega a modestia dos medios ao seu favor para crear unha obra chea de referencias a un mundo terreal, absurdo e en ocasións abxecto pero dende a óptica do observador agudo e perspicaz que anda sempre a buscar a puntada. A súa obra puido verse no CGAC (Santiago de Compostela), Galería ADHOC (Vigo), Fundación Luis Seoane (A Coruña), MARCO (Vigo), Laboral (Gijón), Sala Josep Renau da Facultade de Belas Artes de San Carlos (Valencia), Appleton Square (Lisboa), Galería Trinta (Santiago de Compostela), Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) e Galería Luis Adelantado (Valencia) entre outros espazos. Entre as súas últimas exposicións atópanse «Referenciação», Sala Projeto Fidalga, São Paulo (Brasil), 2018; «Entre rueda y Bahamontes» en Galería Addaya, Palma de Mallorca, 2019; «Tribuna Pública», Praza Fábrica de Tabacos, A Coruña no 2019 e «La cuestión es ir tirando», Centro Cultural de España en México, 2020. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección CGAC, Colección DKV, Fundación María José Jove, Colección Fundación Luis Seoane, Colección MICA Colección Mardel entre outras. Na actualidade coordina xunto con David Silva o proxecto CICLÓN en Santiago de Compostela.