PROFUNDAR

Lúa e Xosé Manuel Ribeira

Lúa Ribeira, galega que fixo historia ao ingresar na mítica Axencia Magnum, segue moi vinculada emocionalmente á nosa terra, aínda que leva unha década asentada no exterior. Nesta a súa primeira exposición individual en Galicia, Lúa presenta, máis que un traballo fotográfico, un acto reflexivo sobre a súa orixe, activado polo feito -tan asumido entre nós- de ter que ‘vivir fóra’.

Dende a diáspora, a devandita orixe tórnase en recordo, nunha lembranza que o paso dos anos obriga a transformar, pero que non lle impide, cando regresa, recoñecer o arraigamento ao lugar. Para a autora, esa evolución convértese inevitablemente nunha proxección no tempo, que lle permite asomarse ao territorio cando todo estea a piques de rematar.

Entre as imaxes, tomadas no ano 2018, intercálanse xoguetes e figuras de madeira talladas por Xosé Manuel, o seu pai, que conectan de xeito natural co ímpetu das fotografías, máis achegadas a plantexamentos reflexivos, case filosóficos, que meramente documentais. En conxunto, a proposta constitúe unha paisaxe mental, na que as imaxes evocan a memoria da infancia e o retorno ao comezo… cando o comezo é tamén o final.

Fundación Luis Seoane
Sala central. Primeira planta
5NOV-12DEC 21

Xosé Manuel Ribeira (Viveiro, 1949) comeza a traballar con materiais reciclados facendo xoguetes e mecanismos sinxelos a partir do ano 2000, cando se prexubila en As Pontes.

Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) estudou fotografia documental na Universidade do Sur de Gales e dende 2018 é fotógrafa da Axencia Magnum. Reside en Reino Unido.