Premio Editorial

De Fotografía Documental Galega

Queres publicar un libro connosco? Dende FFoco, Festival de Fotografía da Coruña, abrimos a convocatoria do noso novo Premio Editorial de Fotografía Documental Galega.

Queremos así apoiar e promocionar o traballo de fotógrafos nados, residentes ou con traballos centrados en Galicia, aportando as ferramentas que lles permitan publicar a súa obra en formato libro. 

Como parte do Laboratorio Editorial que activaremos na Fundación Luis Seoane o vindeiro mes de novembro, para potenciar a creación e producción de novos fotolibros e fomentar as interrelacións entre fotógrafos e profesionais vinculados á edición, presentamos esta convocatoria que terá carácter de continuidade, ata conformar co paso do tempo unha colección coa mellor e máis prometedora fotografía documental galega.

 

BASES DE PARTICIPACIÓN:

(Descargables en galego e castelán)

 

1.- Quén pode participar?

Se es fotógrafo/a ou colectivo que está a desenvolver un traballo con vinculación galega (xa sexa temática ou autoral), podes presentar de balde o teu proxecto -como serie de imaxes ou en formato maqueta- á nosa convocatoria aberta.

A temática é libre, pero buscamos traballos documentais orixinais e inéditos (é dicir, que non estean publicados previamente en formato libro nin teñan xa comprometidos con terceiros os dereitos de edición).

Por suposto, o autor/a ou colectivo participante ten que ser o titular dos dereitos de imaxe correspondentes. Os autores/as exoneran ao Festival e ao resto de persoas e entidades vinculadas á presente convocatoria de calquera tipo de responsabilidade derivada de posibles reclamacións por terceiros, relativas e non limitadas a dereitos de propiedade intelectural e dereitos de imaxe e/ou reclamacións realizadas polos suxeitos protagonistas das imaxes, xa sexan persoas físicas ou xurídicas. Os participantes serán ademais os únicos responsables legais ante calquera controversia que poida xurdir polo incumprimento da Lei vixente respecto aos dereitos de autor polo uso de imaxes preexistentes.

 

2.- Cómo participar?

Os interesados deben enviar nun único documento pdf (máximo admitido 20MB) o seu ensaio ou maqueta -unha serie de entre 30 e 60 fotografías-, acompañado dunha breve descrición do traballo (máis ou menos 300 palabras), breve biografía (outras 300 palabras máximo) e datos de contacto á seguinte dirección: cenfollasffoco@gmail.com.

O prazo de recepción de proxectos estará aberto entre o xoves 15 de abril e as 23.59 horas (peninsular) do mércores 30 de xuño de 2021. A participación supón a íntegra aceptación e cumprimento destas bases, de consulta pública na web do festival www.ffocofestival.com.

Ollo: non cómpre presentar maquetas físicas, nin xa pechadas, nin listas para publicar. Ao contrario. A idea é que os participantes reciban asesoramento para que as súas propostas adquiran un novo valor ao adoptar a forma de libro. Por iso, dende o Festival seleccionaremos a un máximo de 10 autores/as finalistas, que comunicaremos a través das nosas redes sociais (e de calquera outro medio que consideremos) e que terán a oportunidade de amosar o seu traballo a representantes das máis destacadas editorias galegas de fotolibros, nunha revisión de proxectos que celebraremos en novembro de 2021 na coruñesa Fundación Luis Seoane, como parte do noso novo Laboratorio Editorial, no marco da quinta edición de FFoco. Os finalistas comprométense a participar na devandita revisión, nas datas asignadas pola organización e asumindo, de ser o caso, os custos derivados do seu desprazamento e/ou aloxamento.

De entre os finalistas, un xurado composto por representantes do Festival e das editoriais de referencia escollerá a un único traballo gañador para a súa publicación, atendendo á súa calidade técnica, orixinalidade temática, posibilidades narrativas e viabilidade editorial.

 

3.- Qué obtén o autor/a gañador?

Gañar o Premio Editorial de Fotografía Documental Galega supón a publicación do proxecto cunha editorial galega de referencia, que rotará cada ano e que nesta primeira edición será Fabulatorio. Os gastos derivados da edición, deseño, preimpresión, impresión, distribución e difusión do fotolibro serán custeados íntegramente polo Festival. Todas estas fases da producción serán consensuadas polas tres partes implicadas: organización, editorial e gañador/a.

 

En total publicaremos 300 exemplares, dos que o gañador/a percibirá:

  • 30 exemplares non comercializables, que poderá empregar para difundir e comunicar o seu traballo.
  • 600 euros (seiscentos euros, aos que se lle aplicarán as retencións fiscais pertinentes) en concepto de anticipo por dereitos de autor.

 

Posteriormente, autor/a e coeditores (FFoco e Fabulatorio) poderán ademais, se así o estiman oportuno, acordar a ampliación da tirada ou reedición do libro, nos términos que acorden ambas as partes.

Pola súa banda, o gañador/a comprométese a facilitar á organización as imaxes do proxecto en alta calidade (recomendable formato TIFF, ancho mínimo de 30 cms e 300 dpi), así como a ceder -mediante a pertinente sinatura de contrato editorial- os dereitos de reproducción, distribución e comunicación pública das devanditas imaxes, co único fin de posibilitar a producción, promoción e distribución do libro. Polo demais, os dereitos patrimonais e morais dos proxectos presentados pertencerán en todo momento a cada autor/a ou colectivo participante.

 

4.- Quén organiza o Premio Editorial de Fotografía Documental Galega?

FFoco, Festival de Fotografía da Coruña, e todas as actividades vincualdas ao mesmo están organizadas pola Asociación Recreativo Cultural Acolá, entidade sen ánimo de lucro debidamente inscrita no rexistro da Xunta de Galicia.

Acolá conta para o desenvolvemento de FFoco co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

 

5.- Cómo protexemos os teus datos?

En conformidade coa normativa aplicable en materia de tratamento e protección de datos persoais, e especialmente co Regulamento da UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación dos devanditos datos, infórmase aos participantes na presente convocatoria aberta, de maneira expresa, inequívoca e precisa que os datos recollidos a través do mai cenfollasffoco@gmail.com son necesarios para posibilitar a súa participación na convocatoria do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, de acordo co seguinte:

Responsable do tratamento dos seus datos: Asociación Recreativo Cultural Acolá, organizadora de FFoco, Festival de Fotografía da Coruña e do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega.

Finalidade principal do tratamento dos seus datos: Posibilitar a súa participación na convocatoria do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega.

Lexitimación para o tratamento dos seus datos: A base legal para o tratamento dos seus datos é o seu consentimento.

Destinatarios: Asociación Recreativo Cultural Acolá, como entidade organizadora da presente convocatoria.

Dereitos: Acceder, retificar e suprimir os datos, así como outros dereitos de cancelación e oposición poden levarse a cabo conforme á normativa vixente, dirixindo un escrito á Asociación Recreativo Cultural Acolá a través do mail ffocofestival@gmail.com.