O NOVO NORMAL: A CORUÑA

“Todo o mundo ten algo que contar”. Entre a avalancha de imaxes e proxectos fotográficos en torno á covid-19, o traballo de Javier Quiroga salienta polo seu achegamento local aos efectos da pandemia. Así, dende o primeiro día en que o Goberno central permitiu á cidadanía sair ás rúas para pasear ou facer deporte, Javier colleu a súa cámara e comezou en redes sociais un diario do desconfinamento, no que acompaña con textos e fotos os medos e inquedanzas da veciñanza, pero tamén as súas esperanzas e ilusións fronte a este incerto futuro que nos agarda.

A maior parte das imaxes e testemuñas foron recollidas por Javier nos barrios de Monte Alto, Pescadería e Cidade Vella e trasladadas a todos os recunchos do planeta a través do perfil de Facebook O Novo Normal: A Coruña. Agora, o proxecto dixital convértese en exposición nas paredes da Fundación Luis Seoane.

Javier Quiroga é fotógrafo, ainda que traballa de camareiro. Naceu en Ferrol fai 42 años, e vive con dous gatos, Bowi e Macy.

O seu traballo O Novo Normal é un proxecto de antropoloxía fotográfica que non empezou como tal, senón como unha resposta natural a dous meses de confinamento. Naceu da necesidade de contacto humano, de compartir a experiencia do que foran esas semanas de aillamento, e tamén de volver, por fin, a facer fotos. Pese a que a pandemia do Covid-19, está presente en casi todas as historias, o proxecto ten vocación de continuidade. Cando a enfermidade estea por fin superada, buscará seguir contando pequeñas historias cotiás da veciñanza.