Fronteiras do alén

Ariadna Silva Fernández

Fronteiras do alén describe a convivencia cotiá coa morte dende a mitoloxía galega e dende a relixión. Trata os medos, as inquedanzas, os desexos, e as ofrendas. Esta primeira aproximación á fronteira do outro mundo emprégase para buscar ao Urco, un can negro, de ollos vermellos e grandes fauces que emerxe todas as noites ás beiras dos rios ou do fondo do mar para devorar á súa presa. Os seus aullidos son presaxio de morte: o son dun ladrido que rompe o silencio nocturno é unha confirmación de que o Urco está presente, aínda que non sexa visible.

O ser mitolóxico coexiste co anhelo pola curación a través da simulación da morte. Na parroquia de Santa Marta de Ribarteme (Pontevedra) realízase cada 29 de xullo a procesión dos cadaleitos. Santa Marta foi unha das Santas Mulleres de Xesús e foi quen realizou as pregarias para que o seu irmá Lázaro resucitase. Por este motivo, as persoas que se ofrezan a Santa Marta deben introducirse no cadaleito portado polos seus familiares en signo de súplica ou de agradecemento para que Marta faga de novo de intercesora entre ámbolos dous mundos. Os ofrecidos tiveron un contacto moi próximo coa morte e por iso escenifícana, para aferrarse á vida e ser conscientes da tenue fronteira que separa a vida da morte.

Ariadna Silva Fernández

Adriadna Silva Fernández. Proxección Fronteiras do Alén. FFoco Festival

Entradas recomendadas