FFOCO é o Festival de Fotografía da Coruña e celébrase na Cidade Vella

FFOCO é un festival para todas e todos. Impulsa a creación fotográfica con especial atención aos autores locais e galegos e coida a diversidade de miradas sobre A Coruña, Galicia e as súas xentes.

Dende a súa primeira edición en 2017, FFOCO consolidouse xa como unha cita obrigada e un punto de encontro profesional e amador no que abordar o estado actual da fotografía documental galega, así como unha plataforma de visibilidade para creadores locais e doutras procedencias.

Proxeccións, exposicións, presentacións, conversas, obradoiros prácticos abertos para xentes de todas as idades e unha ffeira editorial centran cada ano o programa de FFOCO, que permite a unha escolma de autoras e autores contemporáneos amosar os seus traballos a novos públicos.

A vosa participación

A participación da veciñanza é chave en cada edición para o desenvolvemento do festival, xa que FFOCO se concibe en todo momento como unha iniciativa que todas e todos poidades sentir como propia. A programación inclúe actividades en diferentes formatos, todas elas de balde e para públicos de todas as idades.

Tres edicións celebradas

  •  Un total de 66 autoras e autores participantes.
  •  Máis de 30 proxeccións de traballos de recente creación.
  •  Obradoiros, conversas con fotógrafos e a edición de dous xornais conmemorativos.
  •  Presenza das máis destacadas editoriais galegas especializadas en fotolibros.
  •  Máis dunha trintena de aparicións en prensa.
  •  O incremento de público supera en cada edición o 50%.