Encarnados

Encarnados. DesXeo. Preto

Tono Arias

Encarnados (2006-2019) é un proxecto fotográfico arredor do Entroido en Galicia, no que o fotógrafo Tono Arias leva traballando máis dunha década. Logo de realizar miles de imaxes, o resultado son tres fotolibros, unha colección de postais e tres carteis. Encarnados, DesXeo e Preto son os títulos dos tres volumes, que agora se presentan sobre parede e que propoñen un percorrido visual polo noso territorio, ás veces absurdo, desordenado, irónico, anárquico e moi intuitivo.

Encarnados
Encarnados, posuídos. Comedores de carne, famentos, libres. O encarnado como cor que resalta entre a multitude, que nos leva nunha viaxe temporal para transformarnos e vivir noutra realidade, máis alá dunha dimensión subxectiva ou plana.

Acirrar o pensamento, provocar as relacións cunha acción que se sostén nunha frecuencia transgresora, cun punto de vista ficticio que non desvela o real senón o seu reverso. «Onde está, daquela, o real?», pregúntase Tono Arias nun incansable esforzo por traballar –sempre– desde unha posición que lle permita interrogarse ante o mundo. A construcción dun particular relato visual sobre a forma e a cor lévao a pequenas secuencias, narracións breves, haikus imaxinarios. Un discurso aberto á interpretación do espectador. Fotografías á marxe do explícito que tentan atraer, murmurar. Imaxes imprevisibles que vibran nun campo magnético entre a mirada e o mundo.

DesXeo
Corpos cheos de po branco. Po que limpa, purifica, reinicia o rito e mais a festa. Unha catarse colectiva, unha sesión de psicoterapia natural. Coma a auga no DesXeo, a fariña percorre os corpos provocando múltiples sensacións, dando lugar a imaxes emocionais e abstractas, de perplexidade e incerteza. Unha mirada de asombro, intuitiva. Experiencias sensoriais próximas que quedan atrapadas en fragmentos de luz artificial.

Preto
Este terceiro apartado, xurdido da pregunta “quen somos?”, contén unha serie de imaxes de personaxes do rural galego retratados durante o Entroido. Son retratos ao anoitecer, neses espazos baleiros onde transcorre a vida cotiá dos seus protagonistas.

O autor indaga en Preto na ambigüidade do ser humano emprendendo unha busca inquietante entre a ficción e o real. A cuestión, a xuízo do fotógrafo, é saber se o disfraz permite dar unha visión máis real do que somos, se descubre máis de nós do que pretendemos agochar. O autor explora as complexidades da fotografía contemporánea abordando cuestións sobre a identidade. Ao mesmo tempo, dialoga co medio rural para descubrir a beleza na singularidade das persoas que se amosan dun xeito espontáneo ante a cámara, integradas na paisaxe que habitan. Somos ese espello onde se reflicte outro espello, falso, ou verdadeiro? Todo vale…

*Textos: Antón Lopo

Tono Arias

Tono Arias. Exposición Encarnados. FFoco Festival

Entradas recomendadas