Autores

Jacobo Ameneiro, A Coruña 1983 é fotógrafo, docente e creador. Nos seus primeiros proxectos achégase á fotografía documental, desenvolvendo posteriormente en Madrid, onde inicia a súa andaina profesional, diversos traballos de investigación en torno ao retrato.

Dende 2014 establece o seu estudo na Coruña, sendo parte activa de diversas iniciativas culturais, impartindo clases de fotografía e traballando como fotoxornalística para La Voz de Galicia.

En 2016 participa en diversas exposicións colectivas, é seleccionado para Descubrimientos PHotoEspaña, asiste como artista convidado á feira de arte contemporánea Cuarto Público, pasando a súa obra a formar parte da colección desta institución

Dende 2017 o seu interese céntrase nas posibilidades da imaxe en diversos contextos sociais: proxectos como Conversas co Ágora, Imaxes que Habitan Corpos, Espazo Branco, Muy Sagrada, Unha realidade incerta son un exemplo.

Na actualidade diversifica súa actividade entre o seu traballo de autor e a dirección de Habelas Hainas Estudo Creativo, marca na que conflúen proxectos curatoriales, formativos e dinamizadores da imaxe, así como material comercial sempre baixo un prisma innovador e creativo.

jacoboameneiro.com

Deebo Barreiro (Vigo, 1993) estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra (Universidade de Vigo) e posteriormente cursou un Máster de Investigación e Creación en Arte Contemporánea na mesma facultade. En 2016 estudou na escola de fotografía Blank Paper, en Madrid, e no 2018 gañou a Beca de Fotografía da Escuela Lens de Artes Visuales, tamén en Madrid. Na actualidade realiza un Doctorado na Facultade de Belas Artes de Cuenca (UCLM).

De xeito paralelo, a súa carreira artística expándese polas salas de exposicións. Entre elas, destaca a mostra individual «¿Te gusta el rosa o el azul?», en Dispara (A Estrada), ou as colectivas «Magical Girls», en A Casa das Artes de Vigo; «Futuro Presente», comisariada por Semíramis González en INJUVE, Madrid; «Galerías VII», no centro cultural Cárcel de Segovia ou «Feminismo y Feminidad» en Can Basté, Barcelona. Outras salas nas que amosou a súa obra son o Museo de Pontevedra, o Museo Ramón María Aller (Lalín), a Galería Alemi de León, La Quinta del Sordo o Le Mur Photo Gallery (Madrid), entre outras.

cargocollective.com/deebobarreiro

Misha Bies Golas (Lalín, 1977) é artista plástico, educado no campo da fotografía e o deseño. A súa obra atinxe ámbitos de distintas disciplinas, centrando os seus últimos traballos en torno ao apropiacionismo, libros e obxectos de diversa natureza. É un artista de mínimos, que emprega a modestia dos medios ao seu favor para crear unha obra chea de referencias a un mundo terreal, absurdo e en ocasións abxecto pero dende a óptica do observador agudo e perspicaz que anda sempre a buscar a puntada. A súa obra puido verse no CGAC (Santiago de Compostela), Galería ADHOC (Vigo), Fundación Luis Seoane (A Coruña), MARCO (Vigo), Laboral (Gijón), Sala Josep Renau da Facultade de Belas Artes de San Carlos (Valencia), Appleton Square (Lisboa), Galería Trinta (Santiago de Compostela), Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) e Galería Luis Adelantado (Valencia) entre outros espazos. Entre as súas últimas exposicións atópanse «Referenciação», Sala Projeto Fidalga, São Paulo (Brasil), 2018; «Entre rueda y Bahamontes» en Galería Addaya, Palma de Mallorca, 2019; «Tribuna Pública», Praza Fábrica de Tabacos, A Coruña no 2019 e «La cuestión es ir tirando», Centro Cultural de España en México, 2020. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección CGAC, Colección DKV, Fundación María José Jove, Colección Fundación Luis Seoane, Colección MICA Colección Mardel entre outras. Na actualidade coordina xunto con David Silva o proxecto CICLÓN en Santiago de Compostela.

mishabiesgolas.tumblr.com

Jesús Caballero Varela é fotógrafo e editor. Cofundador de BANCO Editorial: escola de fotografía, editorial e galería independente con base no barrio de Monte Alto, A Coruña.

Expón o seu traballo en proxectos nacionais e internacionais. Ten varios libros publicados, o máis recente é Photographs from Japan, feito en colaboración con Juan Rodríguez e que contén unha selección de imaxes realizadas por ambos fotógrafos en diferentes viaxes ao Xapón. O libro está deseñado por Desescribir e publicado por C2C no 2020.

Xosé Castro, máis coñecido como ‘Pepucho’ (A Coruña, 1942), «foi o fotógrafo da cidade e dos cidadáns. O seu obxectivo sempre foi a xente. É o home que estaba detrás da cámara no incendio do pazo de Meirás, no conflicto das Encrobas, no accidente do avión en Montrove, nas inundacións de Padrón. Antes foi escudero de Alberto Martí, outro histórico (…) Detrás de cada imaxe hai unha historia e Xosé Castro é o home do milón de historias. Un millón de historias e un millón de amigos. Fotografou durante décadas, máis de corenta anos publicando fotos nas páxinas de La Voz, todos os rincóns e rostros da cidade. Fixo bodas, bautizos, funerais (…) Expuso unha colección de bicos no Casino del Atlántico que nada lle envexaban ao que inmortalizou Doisneau. Bicos no paseo marítimo, bicos na rúa, bicos en calquera recuncho. Non podería ser doutro xeito nun amante da vida. Xosé Castro só sabe traballar con película de alta sensibilidade, a súa».

«El fotógrafo de la gente». César Casal, La Voz de Galicia. 13/03/2006

Rosendo Cid traballa varios medios como a fotografía, o colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental dos mesmos. Ten prologado diversos catálogos de arte e comisariado exposicións. Das últimas mostras individuais podemos destacar La duda es el único estado posible, na galería Nordés no 2018, e Fe de erratas, na fundación Rac, no 2017. Das colectivas destacar a participación na colectiva do CGAC, En construcción, 2018 ou a participación en Afluentes 94: Os anos circulares, unha selección dos artistas galegos máis destacados dos anos noventa. Dos últimos libros destacar, Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir (2018) na editora Papeles Mínimos, e 5000 veces pintura, compendio de aforismos publicado pola Galería Circular no 2017. En libros colectivos aparece en El cántaro a la fuente. Aforistas españoles para el siglo XXI, editado por Apeadero de Aforistas e Thémata Editorial. Dos premios destacamos o Primeiro premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea no 2018 e o premio na convocatoria de comisariado para a Zona C, de Santiago de Compostela, coa mostra Un cuarto propio, con obras da artista Rosa Neutro no 2017.

Óscar Corral (Santiago de Compostela, 1981) comezou a traballar como fotoxornalista no ano 2003. Dende 2009 traballa no diario El País en Galicia, labor que compaxina con reportaxes internacionais para o mesmo diario así como para El País Semanal. En 2013 foi seleccionado nos «Full-Focus» da axencia Reuters.

oscarcorral.gal

Isra Cubillo é un fotógrafo autodidacta, que participou en obradoiros e seminarios con artistas como Bernard Plossu, Alberto García-Alix, Vari Caramés, Ricky Dávila, Laura González, Carlos Cánovas ou Jose Manuel Castro Prieto. No 2005 foi nominado para a beca de fotografía da Fundación Santa María de Albarracín; no 2011 participou en Descubrimientos PHotoEspaña e un ano despois no visionado de portafolios Novos PHE.  Ademais, foi finalista ao Premio Luis Ksado 2014.

O seu traballo protagonizou diferentes exposicións individuais e colectivas, entre as que salienta «Un cierto panorama. Reciente fotografía de autor en España», comisariada por Jesús Micó, incluida na sección oficial de PHotoEspaña 2017 e que está a itinerar por diferentes cidades europeas e latinoamericanas.

isracubillo.com

Mónica Ferreirós (Vilanova de Arousa, 1975) estudou Fotografía Artística na Escola Mestre Mateo e dende 1998 traballa de fotoxornalista en medios de comunicación galegos e estatáis. Actualmente é freelance e membro de @imaxecovid.

Paolo Gasparini é un dos principais fotógrafos do noso tempo. Presenta os seus traballos en forma de proxeccións audiovisuais, fotolibros e fotomurales. Todos eles son montaxes fotográficos, conxuntos de imaxes nos que os significados se multiplican pola relación entre as partes. Gasparini utiliza estes procedementos durante toda a súa carreira, que comezou en Italia nos anos cinconta do século pasado e continúa en Latinoamérica ata a actualidade, en continuas viaxes de ida e volta.

Orixinario do norte de Italia, Paolo Gasparini mudouse a Venezuela á idade de vinte anos e a súa extensa traxectoria está influenciada polo neorrealismo e polo traballo de Paul Strand, de quen foi discípulo. A fotografía urbana é un dos seus intereses principais e así expresouno en multitude de esceas captadas nas rúas de Caracas, Cidade de México, Sao Paulo e Los Angeles.

Ademais é autor dalgúns fotolibros extraordinarios, como Para verte mejor América Latina, considerado unha obra mestra, un traballo sobre «bos e malos» (Cuba e Estados Unidos) co que intenta cambiar «este maltratado e contaminado mundo». En todos os seus proxectos posteriores continuou aplicando a súa norma de «actuar sobre a realidade» para ver, pensar e resistir.

A súa fotografía documental, enfocada a amosar a diversidade da sociedade latinoamericana, constitúe así unha obra única que recopila a historia visual do continente a as súas profundas contradicións. En 1993 obtivo o Premio Nacional de Fotografía de Venezuela.

A actividade de Xosé Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976) abrangue distintos ámbitos: a práctica fotográfica, a escrita e o ensino. Realiza traballos fotográficos; escribe en distintas plataformas como autor independiente e tenta introducir na súas aulas procedementos didácticos vinculados coa cultura visual e a historia da fotografía. Vive e traballa en Sarria (Lugo).

Agostiño Iglesias (Lousame, 1984) estudou Fotografía Artística na Escola Antonio Failde de Ourense. Actualmente traballa de fotoxornalista freelance, colaborando principalmente con La Voz de Galicia e en publicacións para revistas de tirada autonómica e nacional.

agos.gal

Brais Lorenzo Couto (Ourense, 1986) estudou fotografía Artística na Escola Antonio Failde de Ourense e Xeografía e Historia na Universidade de Vigo. Dende 2010 traballa de fotoxornalista, habitualmente en Axencia EFE e Faro de Vigo.

Simone Maestra é un fotógrafo italiano asentado na Coruña. Graduouse no Instituto ISFAV de Padova. Entre 2002 e 2008 colaborou coa Agencia Franca Speranza / Olycom e con Blobcg. No ano 2005 trasladouse a París, onde traballou con varios fotógrafos, como Jean Baptiste Mondio, Tommaso Sartori e Daniele Duella e Iango Henzi. En 2007 mudouse a España, onde vive e traballa na actualidade.

As fotografías de María Moldes (Portonovo, 1974) teñen unha gran distribución no circuito artístico europeo e norteamericano a través das redes sociais, así como repercusión mediática en publicacións como The Guardian, Le Monde, Der Spiegel, El País, El Mundo, CNN Photos, Courrier International, ABC… onde público e crítica eloxian a súa orixinalidade e o seu bo facer.

Este impulso incrementouse no ano 2018, despois de ser seleccionada no Festival da Nova Fotografía Europea en París e de presentar o seu último proxecto no Museo Barjola de Xixón, tras obter a Beca AlNorte, ademais de participar en dúas exposicións en PHotoESPAÑA 2019.

No 2019 fai a súa primeira incursión no cine realizando a súa primeira curtametraxe, coa que obtén dúas nominacións e o Premio á Mellor Dirección Artística en NotodoFilmFest, así como a Beca Lens de Cina 2020/21.

mariamoldes.com

Miguel Muñiz (Santiago de Compostela, 1966) estudou Fotografía Artística na Escola Mestre Mateo. Traballa como fotoxornalista no diario ABC dende fai mais de 20 anos. Colaborador habitual de diversos medios como Expansión e Revista ECO. É autor ademais de diversas publicacións.

Iván Nespereira (Ourense, 1978) traballa como fotógrafo e realizador freelance no ámbito da publicidade dende 2002. Inviste tempo en desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación e onde a fotografía e o vídeo son as principais ferramentas que utiliza. En 2017 autoedita Nueva Galicia, un traballo que explora a pegada da migración e o ‘boom’ do caucho no Amazonas. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, PlayDoc e Bogoshorts. Ten exposto no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre Photobook, Dispara, Fotomuseo Catro Camiños, PHotoEspaña, Athens Photo Festival e La Nautilus. En 2018 recibe o premio PHotoEspaña ao mellar libro autoeditado. Colaborou con cineastas como Pela del Álamo ( N-VI), Vicente Vázquez | Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#1). Actualmente traballa en 30122, proxecto que realiza unha cartografía de Galicia a partir de fotografías.

ivannespereira.com

Óscar París é fotoxornalista autodidacta. Comezou a súa traxectoria no diario La Voz de Galicia como aprendiz de laboratorio e, xa como reporteiro, traballou na Axencia EFE, Diario 16 e o diario El País, onde desenvolveu a meirande parte da súa vida profesional.

Na actualidade traballa como freelancer e centra a súa producción en reportaxes de contido social, con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos.

Javier Quiroga é fotógrafo, ainda que traballa de camareiro. Naceu en Ferrol fai 42 años, e vive con dous gatos, Bowi e Macy.

O seu traballo O Novo Normal é un proxecto de antropoloxía fotográfica que non empezou como tal, senón como unha resposta natural a dous meses de confinamento. Naceu da necesidade de contacto humano, de compartir a experiencia do que foran esas semanas de aillamento, e tamén de volver, por fin, a facer fotos. Pese a que a pandemia do Covid-19, está presente en casi todas as historias, o proxecto ten vocación de continuidade. Cando a enfermidade estea por fin superada, buscará seguir contando pequeñas historias cotiás da veciñanza.

O Novo Normal: A Coruña

Miguel Riopa (Campo Lameiro, 1967) traballa como fotoxornalista desde o ano 1989. Na actualidade desenrola o seu labor na axencia de noticias Agence France-Presse. No ano 2008 foi recoñecido con un dos premios World Press Photo.

miguelriopa.com/

Alicia Seoane é licenciada en Ciencias da Información e cursou un Máster en Fotografia Creativa no Centro Internacional de Fotografía e Cine de Madrid, EFTI. Actualmente adícase á comunicación, a fotografía social e a publicidade dende o seu espazo Estudio Abierto e ademais imparte cursos de fotografía en diversos centros e institucións de Ferrol, cidade onde reside.

Dende o ano 2007 realizou diversas exposicións, como «Hierofanía» na Galería Sargadelos; «Fragmentos de Amnesia» no Centro Torrente Ballester de Ferrol ou «La abuela crece», na igrexa da Facultade de Filosofía de Santiago.

Alicia Seoane entende a imaxe como un espazo de encontro que vai da memoria individual á colectiva e viceversa. As súas fotografías fálannos de infancia, do tempo e do propio corpo, cunha atmósfera enigmática e intimista.

Diana Vilera é antropóloga, fotógrafa e editora. Cursou estudios de posgrao en Antropoloxía, Arte, Museoloxía e Xestión Cultural en Nova York e Madrid. Fixo a carreira de fotografía no Centro de Investigación e Estudios Fotográficos (CIEF) de Caracas e no International Center of Photography (ICP) de Nova York.

Logo de traballar durante dez anos no sector cultural público e outros vinte no eido da Responsabilidade Social Corporativa, no 2013 funda a Casa Editorial La Cueva, a cal recibiu diversos recoñecementos no seu país polo seu labor de divulgación de fotografía venezolana con edicións de calidade: La verdadera historia, de Paolo Gasparini, Primer Premio Libro de Fotografía 2016 (Venezuela) e finalista FOLA 2017 (Argentina); Fotografía Impresa en Venezuela, de Sagrario Berti, Mención especial Aperture – ParisPhoto2019 e incluido na lista de Mellores 20 libros de Fotografía El País_2019; Andata i Ritorno, de Paolo Gasparini, Finalista PHotoESPAÑA 2020.

No ano 2018, Diana Vilera instálase en Madrid e crea a plataforma PARAVERTEMEJOR, co obxectivo de divulgar a fotografía latinoamericana en España, proxecto que obtivo o Primeiro Premio ao Mellor Proxecto Cultural do Máster La Fábrica.