Autores

Alicia Caldera é unha fotógrafa venezolana, licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade Rafael Urdaneta (Maracaibo). Ademais, cursou a Especialización en Fotografía na Universidade de Bogotá (Colombia) e o Máster en Proxectos de Fotografía de Autor en Lens | Escuela de Artes Visuales de Madrid. Nos anos 2013 e 2015 foi seleccionada para participar nos visionados de portafolios de Trasatlántica PHotoEspaña e no 2018 participou no VIII Encontro de Artistas Novos na compostelana Cidade da Cultura. A súa obra protagonizou exposicións individuais e colectivas en diferentes países de Europa e Latinoamérica.

aliciacaldera.com

Ana Pérez-Quiroga é artista visual e intérprete. Licenciada en Escultura pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa; Máster en Artes Visuais Intermedias na Universidade de Évora e doutorado en Arte Contemporánea no Colexio de Artes da Universidade de Coimbra. É investigadora no CHAIA – Centro de Historia da Arte e Investigación Artística da Universidade de Évora.

A súa obra xira arredor da vida diaria e a importancia de obxectos comúns. Tamén aborda problemas de xénero nos seus traballos, materializados en diferentes soportes: instalación, fotografía, textil e performance.

Expón regularmente desde 1999, entre as que destacan as seguintes mostras individuais: Museo Chiado de Lisboa (MNAC); Museo Nacional de Arte Antiga; Museo do Neorrealismo de Vila Franca de Xira; Museo de Arte Popular de Lisboa; e Arquivo Fotográfico Municipal de Lisboa.

anaperezquiroga.com

Anna Katarina Martin centra a súa actividade artística en cuestións de representación e producción de significado nas artes visuais e o cinema, con especial interés pola cultura popular. Habitualmente non emprega nin un formato nin unha técnica determinada. Asegura estar especializada en temas, non en medios, e que as súas motivacións son a linguaxe e a narrativa. A partires dunha idea simple, executa proxectos moi laboriosos, onde as consideracións formais son tan importantes como o resultado final.

annakatarinamartin.com

Ariadna Silva Fernández  cursou o Máster en Fotografía Artística e Documental na Escuela TAI e ten o Grao en Comunicación Audiovisual pola Universitat Oberta de Catalunya. Foi seleccionada no Canon Student Program 2017 do Visa Pour l’image de Perpignan, nos VIII Encontros de Artistas Novos e no X Festival de Fotografía Pa-ta-ta. En 2018 publica o seu primeiro fotolibro Fillos do vento (BANCO Editorial), un relato persoal sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo, e no 2019 autopublica o fanzine Historias mínimas, un relato de relatos íntimos. Ven de recibir a XVIII Beca Albarracín con Cartografía do esquecemento, unha reflexión sobre as consecuencias da industria do eucalipto en Galicia.

www.ariadnasilva.com

Bartlebooth é unha plataforma móvil de edición e investigación que traballa nas marxes da arquitectura. Bartlebooth examina os contextos e procedementos das prácticas espaciais contemporáneas a través de edicións físicas. Busca entrelazar e por en fricción, a través dunha multiplicidade de formatos, discursos e prácticas procedentes de diferentes disciplinas e campos de acción que responden de forma precisa (ou non) a unha hipótese de partida concreta.

Dende 2013 o proxecto é desenvolvido por Antonio Giráldez López e Pablo Ibáñez Ferrera. Tamén formaron parte Begoña Hermida, Tarsila Sánchez, Luis Armas, Rafael Cubillo e Juan Valiente.

bartlebooth.org

Bernardo Villanueva Fernández nace en Castrelo do Miño (Ourense) en 1970. En 1993 licenciase en Xeografía pola USC. Asentado na Coruña empeza a traballar de fotógrafo profesional no ano 2000 cun estudio de Fotografia Social. Ademáis traballa en publicidade con diversas axencias de Galicia. Entre 2015 e 2017 traballa de fotoxornalista do periódico deportivo DeporSport. Ten participado en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas, impartido talleres e conferencias relacionadas coa Teoría da Fotografía e coa Fotografía de Galicia. Dende 2014 é docente de Fotografía na EASD Pablo Picasso de A Coruña.

Bitácora TUBARRO

Carolina Martínez é enexeñeira pola UDC e ademais fórmase dende moi nova en fotografía. Foi con Jorge Meis con quen comeza a profundizar en teoría fotográfica e no manexo das cámaras e do laboratorio en branco e negro. No ano 2000 foi becada polo CIEC (Centro Internacional de Estampa Contemporánea) de Betanzos para realizar cursos nos que se mistura técnica fotográfica e obra gráfica, comezando así a desenvolver a súa obra con técnica mixta. No 2012 foi seleccionada para participar no II Encontro de Artistas Novos e e no visionado de portafolios Novos, organizado por PHotoEspaña. Ten realizado exposicións individuais no Museo Municipal de Ourense, na Galería Photo Art (Ourense) e Mediadvanced (Xixón). Tamén participou en mostras colectivas e foi curadora do festival Outono Fotográfico.

Foi fundadora xunto a outros membros da Asociación Cultural Lumen, que realiza diferentes intervencións fotográficas na cidade de Ferrol e, xunto a outras amigas fotógrafas, conforma o colectivo Papel de Calzoncillo, que xira en torno á fotografía como eixo de intercambios colaborativos para crear espazos e proxectos multidisciplinares de imaxes expandidas.

O ano pasado publicou o seu primeiro fotolibro All tomorrow’s parties, coa editorial Cousa Nostra.

Bitácora fotografiyotrosdolores

Juan Nadie é un colectivo fotográfico que emprega a autoría compartida para asinar os seus traballos. As persoas que conforman Juan Nadie dilúen a súa identidade baixo este pseudónimo para evadir o recoñecemento ao ego individual e traballar a creación fotográfica dende o principio da colectividade.

A declaración de intencións de Juan Nadie é clara e concisa: conxugar distintas miradas nunha soa, promovidos pola impulsiva necesidade de tomar fotografías e polo estímulo de explorar novos territorios.

juannadiecolectivo.com

Daniel Vieito é un fotógrafo nado en Compostela e residente na Coruña. Dende moi novo visita París, cidade que desperta nel o seu interese pola fotografía e a arte. No ano 2003 comeza a formarse na madrileña escola Efti, onde completa o Máster en Concepto e Creación.

Tras participar na súa primeira exposición colectiva na Galería Cero, enmarcada en PHotoEspaña, no ano 2019 publica o seu primeiro libro “Vida en el Puente Pasaje”. Na actualidade continúa coas súas investigacións e proxectos fotográficos dende o seu estudio na Coruña.

www.danielvieito.com

David Barreiro cursou estudos de fotografía documental na escola Efti de Madrid e un Máster en fotografía artística na Royal College of Art de Londres, cidade onde reside na actualidade. O seu traballo céntrase nas diversas relacións que se establecen entre as construccións sociais e as diferentes identidades individuais e colectivas, fluctúando entre a literalidade da fotografía documental e a tensión evocativa e a artificialidade da imaxe escenificada. O uso do medio fotográfico é para el unha ferramenta orientada a introducir ambigüidade e inceridumbre na percepción do cotiá.

www.davidbarreiro.me

Eduardo Torres é o ‘alter ego’ do artista Rosendo Cid. Dende hai varios anos mantén a bitácora elhombrequerayabaperiodicos, que iniciou cando participou na exposición de artistas ficticios «Todo arte es falso hasta que se demuestre lo contrario«, no espazo Estudio22 de Logroño. Tamén editou un libro de «rayados», a edición do cal está esgotada.

Rosendo Cid é un artista que se move en diferentes facetas, polo que as súas narrativas varían dende as máis poéticas a outras de carácter máis crítico ou aquelas que reflexionan sobre a idea de proceso artístico. Todo o seu traballo, tanto expositivo como textual, encamínase a que toda imaxe ou obxecto é susceptible de transformarse nunha nova ficción para amosarnos outra maneira de entender o mundo. Na actualidade traballa coa Galería Nordés, de Santiago de Compostela.

Isra Cubillo é un fotógrafo autodidacta, que participou en obradoiros e seminarios con artistas como Bernard Plossu, Alberto García-Alix, Vari Caramés, Ricky Dávila, Laura González, Carlos Cánovas ou Jose Manuel Castro Prieto. No 2005 foi nominado para a beca de fotografía da Fundación Santa María de Albarracín; no 2011 participou en Descubrimientos PHotoEspaña e un ano despois no visionado de portafolios Novos PHE.  Ademais, foi finalista ao Premio Luis Ksado 2014.

O seu traballo protagonizou diferentes exposicións individuais e colectivas, entre as que salienta «Un cierto panorama. Reciente fotografía de autor en España», comisariada por Jesús Micó, incluida na sección oficial de PHotoEspaña 2017 e que está a itinerar por diferentes cidades europeas e latinoamericanas.

isracubillo.com

Iván Nespereira traballa como fotógrafo e realizador freelance no ámbito da publicidade dende 2002. Inviste tempo en desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación e onde a fotografía e o vídeo son as principais ferramentas que utiliza. En 2017 autoedita Nueva Galicia, un traballo que explora a pegada da migración e o ‘boom’ do caucho no Amazonas. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, PlayDoc e Bogoshorts. Ten exposto no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre Photobook, Dispara, Fotomuseo Catro Camiños, PHotoEspaña, Athens Photo Festival e La Nautilus. En 2018 recibe o premio PHotoEspaña ao mellar libro autoeditado. Colaborou con cineastas como Pela del Álamo ( N-VI), Vicente Vázquez | Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#1). Actualmente traballa en 30122, proxecto que realiza unha cartografía de Galicia a partir de fotografías.

ivannespereira.com

Jacobo Ameneiro ten formación cinematográfica, pero nos seus primeiros proxectos acércase á fotografía documental, desenvolvendo posteriormente diversos traballos de investigación en torno ao retrato. Dende 2014 establece o seu estudio na Coruña, onde segue a formarse e toma parte activa en diversas iniciativas culturais e imparte clases de fotografía. Asistiu como convidado á feira de arte contemporánea Cuarto Público, pasando a súa obra a formar parte da colección desta institución. Seleccionado Descubrimientos PHE16. Actualmente combina o seu traballo en prensa, comercial e formativo cos seus proxectos máis persoais.

jacoboameneiro.com

Julia Ferradás graduouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. A súa serie fotográfica Queridiñas constitúe unha homenaxe á casa rural galega, cando moitas delas están a desaparecer dentro dunha natureza na que sempre estiveron integradas. Esta serie foi selecionada por Manuel Sendón para formar parte da exposición Contorna, amosada na Sala Alterarte (2013-2014).

Lidia Alonso é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Na súa serie fotográfica
Cousas de avós amosa a reciclaxe creativa que ten caracterizado a un contexto rural galego pouco afeito ao usar e tirar. Este traballo foi selecionado por Manuel Sendón para formar parte da exposición Contorna (Sala Alterarte, 2013-2014) e do Proxecto Inédito.

Lorena Varela realizou os seus estudios de Fotografía e Deseño no Centre de la Imatge i la Tecnologia Multimèdia, en Barcelona. No 2016 foi finalista no visionado de portafolios Descubrimientos, organizado por PHotoEspaña. Nese mesmo ano recibe o premio Contemporarte, convocado pola Universidade de Huelva. Pouco despois, trasládase a Madrid para realizar o Máster en Desenvolvemento de Proxectos na escola Blank Paper.  Foi seleccionada para os VII Encontros Novos, organizados pola Cidade da Cultura de Galicia.

O seu traballo ten sido exposto en diferentes cidades, como Londres, Barcelona, Madrid ou Vigo. Ademais, publica recentemente en revistas como Metal Magazine, Vice ou Neo2.  Na actualidade traballa e reside entre Galicia e Barcelona, onde combina os seus traballos comerciais de moda coa fotografía de autor.

www.lorenavarela.com

Mar Caldas combina nos seus proxectos artísticos fotografía, texto e vídeo, incorporando tamén recursos performativos e procesuais.

Interesada polas políticas da representación e pola mirada do espectador, na súa obra trata cuestión como a subxectividade, as relacións de dominación entre os xéneros e entre as culturas ou quebrantamento dos roles sexuais.

Ademais, combina a práctica artística cunha labor teórica que deu lugar a conferencias, ensaios, artículos e comisariados.

www.marcaldas.com

María Blanco é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, realiza o máster en Deseño Téxtil e Superficies do Instituto Europeo di Design (Madrid) e o dutoramento en Creatividade Aplicada da Universidade Complutense de Madrid. Ademais da exposición indivudual na Sala Alterarte, a súa obra foi exposta en diversos certames e na Galería Metro de Santiago de Compostela. As súas fotografías, de apariencia pop desenfadada, agochan sempre un fondo inquietante.

María Covadonga Barreiro é doctora en Bellas Artes pola Universidade de Vigo (Mención Internacional, Premio Extraordinario de Doctorado e Premio Provincial á Investigación 2012) e ten un Máster en Dirección de Arte en Publicidade polo mesmo centro universitario. No ámbito artístico ten amosado o seu traballo en diferentes exposicións individuais e colectivas e ademais obtivo a Beca Novos Valores 2010 da Deputación de Pontevedra e o Primeiro Premio VII Certamen de Artes Plásticas da Deputación de Ourense. Na actualidade traballa como profesora na ESAD, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

covadongabarreiro.carbonmade.com

María Prada é arquitecta pola Universidade da Coruña e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde tamén realizou o Master en Arte Contemporánea e obtivo o grao en Belas Artes. O seu delicado traballo coa técnica do collage emprega con frecuencia materiais fotográficos e, ademais de na Sala Alterarte, foi amosado en exposicións nacionais e internacionais (Portugal, República Checa, Francia, Bélxica, Canadá, Estados Unidos, México, Arxentina…)

mariaprada.es

Marta Cerviño licenciouse en Belas Artes na Facultade de Pontevedra, onde realiza tamén o seu doutorado. Nas súas fotografías, a modo de diario persoal e autocoñecemento, explora a relación do individuo co contexto no que habita e como éste modela a súa identidade.

Matteo Bertolino é un fotógrafo italiano residente en Santiago de Compostela. É licenciado en Ciencias Políticas e ten un Máster en Estudios de Desenvolvemento que levouno a traballar no ámbito da Cooperación ao longo dunha década en catro continentes. Mentres tanto tamén especializouse en fotografía documental, reportaxe social e ‘story-telling’.

Publicou os seus traballos en revistas e xornais nacionais e internacionais e ten colaborado con axencias de prensa e ONG’s, así como con entidades públicas e privadas en diversos proxectos artísticos e culturais. Na actualidade participa na Cooperativa Cultural 7H, en Santiago, na realización de pezas audiovisuais e de proxectos transformadores.

www.matteobertolino.com

Maya Kapouski (Lucía García Rey) estudiou Belas Artes en Pontevedra, onde tamén fixo o Máster en Arte Contemporánea. Tralos seus primeiros traballos en escultura, instalación e perfomance, atopou na fotografía a mellor conexión entre todas as disciplinas, polo que a converteu no seu modo de expresión.

A súa obra reflicte os límites e relacións entre a vida e a arte, defendendo sempre unha actitude crítica e creativa. A rebeldía, a inadaptación e o cuestionamento das imposicións forman tamén parte da súa obra, que anima a manter sempre a ilusión e curiosidade de ser novos.

Melania Freire estudiou Belas Artes en Vigo e despois titulouse en deseño textil e de moda, para expor nos teixidos as sensación e emocións que lle provoca a contemplación de cadros relevantes na Historia da Arte.

Como artista, móvese entre diferentes ámbitos. No eido audiovisual, foi directora de arte da longametraxe Longa Noite, dirixida por Eloy Enciso; e auxiliar do departamento de arte do filme O que arde, de Oliver Laxe. Na área textil, en 2019 recibiu o premio Mercedes-Benz Fashion Talent, durante a Semana da Moda de Madrid.

cargocollective.com/melaniafreire

Mónica Cabo é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Vive e traballa en Barcelona. Ademais da amosada na Sala Alterarte, a súa obra tivo exposicións e proxectos individuais no Museo MARCO (Vigo), Sala Borrón (Oviedo), Fundación Granell (Santiago de Compostela), sala LAI (Xixón) e DF Galería (Santiago de Compostela). Participou en mostras colectivas no Museo Provincial de Lugo, Sant Andreu Contemporani (Barcelona), MUSAC (León), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Blissland Gallery (Berlín), Sala Espacio AV (Murcia), MACUF (A Coruña) ou Espacio Menosuno (Madrid), entre outros. As súas propostas, limpas e contundentes, implican sempre un sólido posicionamento político queer.

Nicolás Combarro emprega a fotografía para capturar as intervencións que realiza en espazos arquitectónicos singulares. A través de diversas prácticas artísticas (pintura, escultura, instalación), estes lugares son modificados para xerar novos espazos, que despois o artista documenta en grandes formatos fotográficos, o que permite ao espectador apropiarse do espazo inicial.

No seu último proxecto, Interventions, percorre un proceso de investigación e creación desenvolvido a través da interacción entre arte e arquitectura. A construcción, como transformación da contorna natura, serve de lenzo para o desenvolvemento de distintas series de creación que comparten a intervención da arquitectura como elemento común.

nicolascombarro.com

Nos, Why Not? é unha axencia de fotografía que naceu en Oleiros no ano 2013. Realiza todo tipo de traballos e encargos fotográficos e xa ten proxección internacional con colaboradores en Madrid, Barcelona ou Buenos Aires. A súa particularidade é que se trata da primeira axencia de España e do mundo composta por fotógrafos con discapacidade intelectual.

O fotoxornalista barcelonés Felipe Alonso é o responsable deste proxecto sen ánimo de lucro e a prol da integración social e laboral. Nesta iniciativa pioneira, Alonso imparte obradoiros a persoas con diversidade que, tras esta etapa de formación, poden integrarse no equipo de traballo da axencia.

www.nwnphoto.org

Olaia Fernández obtivo o grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Na súa serie fotográfica “véndese”, comezada cando aínda estaba a estudar na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, rexistra con rigor formal e sen prexuizos as ruinas prematuras que constitúen os numerosos edificios abandonados a medio construir que se poden atopar ao longo do territorio galego. Esta serie foi selecionada por Manuel Sendón para a exposición Contorna (Sala Alterarte 2013-2014) e para o Proxecto Inédito.

Óscar Górriz é fotógrafo, creativo e realizador audiovisual. Formado en artes e deseño entre A Coruña e Barcelona, traballa como fotógrafo retratista, documental e publicitario, colaborando tamén co xornal independente O Salto GZ.

Ademais dos seus proxectos artísticos de investigación, leva varios anos explorando a fotografía analóxica de grande formato, traballando con cámaras artesás de placas, como o modelo afgano de caixón ou a actual Besta 45, coas que traballa de retratista en eventos contemporáneos ou de época, como as Feira Modernistas de Sada ou Betanzos, xunto co seu compañeiro fotógrafo e artesán Samuel Ortiz.

Óscar París é fotoxornalista autodidacta. Comezou a súa traxectoria no diario La Voz de Galicia como aprendiz de laboratorio e, xa como reporteiro, traballou na Axencia EFE, Diario 16 e o diario El País, onde desenvolveu a meirande parte da súa vida profesional.

Na actualidade traballa como freelancer e centra a súa producción en reportaxes de contido social, con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos.

Patricia Gago é fotoxornalista e estudiou o ciclo de Imaxe na Escola de Imaxe e Son (EIS) da Coruña. Completou a súa formación realizando as prácticas profesionais no díario La Voz de Galicia, na edición da Coruña. Ao rematar, quedouse nesa delegación para cubrir unha baixa e máis tarde incorporouse a delegación da Barbanza, na que traballou durante dous veráns e uns meses. Na actualidade traballa para a editorial La Capital dende hai xa dez anos.

Rosa Neutro é artista licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con estudios de deseño gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde (Ourense), faceta que combina habitualmente co seu traballo creativo. A súa obra céntrase na fotografía e a fotomontaxe como principais medios para explorar os clichés femininos, ademais de ser unha reflexión constante sobre a identidade e as problemáticas relacionadas coa muller-artista-nai. Nos últimos anos foi coordinadora de diversos espazos como LAB_IN arte múltiple (Vigo) , a sala de exposicións Piso dos (Pontevedra) e, na actualidade, o Espacio Neutro no seu estudio de Moaña, onde plantexa diversas actividades e obradoiros de disciplinas como a fotografía e o tratamento dixital das imaxes.

Rubén Panete traballa con vídeo, son, infografía, fotografía e instalación. Na súa práctica artística cuestiona principalmente o estatus da imaxe como modo de representación e coñecemento pero, sobre todo, atravesa fronteiras mentais e físicas.

No ano 2016 inaugura Arquitecturas Negras, a súa primeira exposición individual, na Sala Barcelona do MAC.

Samuel Ortiz Lois é un fotógrafo especializado en medios químicos e grande formato, licenciado en Historia da Arte e constructor de cámaras baixo a denominación BESTA. Actualmente combina o deseño e producción de cámaras co desenvolvemento de proxectos artísticos, a docencia e a divulgación da fotografía química e minuteira facendo talleres participativos de retrato artesanal xunto a Óscar Górriz.

Sara Sapetti é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ademais ten cursado un Máster de Fotografía na escola madrileña Efti. Dende hai anos traballa como asesora técnica para empresas que importan material fotográfico e é especialista en formato medio e quipos de iluminación. Ademais tamén traballa como asistente dixital para estudios fotográficos.

Sheila Pazos é unha creadora, con formación en Belas Artes e Moda, que configurou a súa propia idiosincracia cunha obra na que combina vídeo, fotografía, instalación, moda, modelado 3D e deseño gráfico. A súa fantasía sen límites fai que cada un dos seus proxectos se convirta nunha acción que transgrede os límites do convencional, aglutinando diferentes disciplinas que reflicten a forma de ser dunha artista do século XXI.

Tono Arias é fotógrafo de prensa e documentalista dende os anos 90,  colaborando con diversos medios de comunicación: Faro de Vigo, O Correo Galego, axencia EFE, El País, El Mundo, ou as revistas Interviu e Tiempo, entre outras publicacións.

Dende o ano 92 traballa como fotógrafo independiente, creando un estudio de fotografía no que realiza diversos traballos profesionais no ámbito da fotografía industrial, publicidade, moda, arquitectura, editorial e documental.

No 2012 inicia o proxecto «DISPARA», un espazo web, galería e librería destinado a reunir traballos fotográficos de carácter documental e artístico, así como un punto de encontro entre autores no que fomentar o desenvolvemento de proxectos culturais relacionados coa fotografía.

dispara.org

Vanessa Casteleiro «Caste» é fotoxornalista de base e fotógrafa de superficie. Autodidacta. Sensible coa causa das mulleres. As glorias e as penas, case todas en prensa dende hai 14 anos. Ao mando de Fotografía Roller Agencia. Todo comezou cunha Kodak Instamatic 255X da súa avoa e cun flash MagicCube.

Yatir Fernández é Graduado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra no 2016 e no 2017 realiza o Máster de Arte Contemporáneo na mesma facultade. Con obra premiada no Novos Valores do Museo de Pontevedra no 2015 e obra seleccionada na Trienal da estampa europea, así como no Premio Internacional Máximo Ramos. No 2017 realiza a sua primeira exposición individual Karesansui e participa na exposición colectiva 3975.6 na sala X de Pontevedra, a su vez no Temporary Art Centre de Eindhoven e realiza a 2ª individual, PRESENTE, na White Collective. No 2018 participa en colectivas como Pensamento e risco, en Portugal, Só construindo a mirada habitaremos a paisaxe, ou Wet Dreams, ámbalas dúas en Vigo. Recentemente, no 2019, presenta o proxecto e publicación (Perspectiva ausente) na Coruña, recibe a mención de honor no certamen Plástika e participa no 11º Premio Auditorio de Galicia para Nonos Artistas.

yatirfernandez.com