Ánima

Ruth Montiel Arias

Ánima é un diálogo entre a tradición da matanza do porco e o seu paralelismo coa crenza mitolóxica da “compaña”, un encontro entre a  superstición e o costumismo galego para imaxinar unha nova relación entre o folclore e un humanismo non antropocéntrico.

Ánima móvese da noite ao día, do silencio ao berro, do máxico ao real, do invisible ao visible, do ‘executor’ ao ‘executado’. Un camiño en descenso onde a tradición e as crenzas atopan os instintos máis primitivos da condición humana. Do branco e negro á cor, esta viaxe pretende non deixar indiferente a ningún espectador.

Fundación Luis Seoane
SALA PROXECCIÓNS PLANTA BAIXA
5NOV-12DEC 21

Ruth Montiel Arias (Palmeira, A Coruña, 1977) é graduada en Artes Aplicadas pola Escola Superior de Artes Pablo Picasso da Coruña. Realizou o Máster de Fotografía Concepto e Creación na madrileña escola EFTI e o Máster de Identidade Corporativa na Escola Superior de Deseño Elisava, en Barcelona.

Os seus proxectos persoais investigan a relación humana co territorio natural e os seus conflitos derivados da dominación e opresión animal, ambiental e social.

A súa obra foi exposta en institucións culturais internacionais como o Centro Cultural de España en Lima (Perú), a Casa de Mono en Cali, (Colombia), Landkreis Galerie en Alemaña ou o Museo da Memoria de Arxentina, entre outros.

O seu traballo foi seleccionado en distintos certames de arte, así como en bolsas e residencias artísticas nacionais e internacionais, como Futures Photography 2020,  PHotoESPAÑA,  Resident Cultura 2020,  Best  Photo Essay Lifestyle  of  the Ottawa  International  Vegan Film Festival 2019.